BIOGRAFÍA

Ramón Nicolás Fotografía: Anxo Cabada

Os meus pais vivían no Calvario vigués e nacín fronte por fronte ao Berbés, no antigo Hospital da Cruz Vermella, en 1966. Crieime entre os barrios do Calvario e o dos Choróns. O triángulo péchase, polo agora, habitando un "sitio distinto" como é o territorio do antigo concello de Lavadores. Vivencial e emocionalmente síntome tamén próximo ás xentes que habitan no val de Ramirás (Ourense).

Licencieime en Filoloxía galego-portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela e exerzo como profesor de lingua e literatura galegas no IES Valadares (Vigo) desde hai moitos anos. Tamén desde hai xa máis de vinte e cinco anos, coñéceseme como crítico literario, escribindo con regularidade nas páxinas do suplemento "Fugas" de La Voz de Galicia ou no blogue Caderno da crítica. Desde 2011, son padroeiro da Fundación Celso Emilio Ferreiro e dirixo a colección Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais.

A docencia dáme azos día a día pero, ao tempo, atopo nos ámbitos da crítica, o ensaio, a tradución e na creación narrativa suxestivas e convicentes razóns para seguir adiante.

Copyleft do deseño Sonia Ballesteros Rey
Copyright Ramón Nicolás Rodríguez